Friday 17 de May de 2024

A novela “Eternity” de Xosé Monteagudo, gañadora do Premio Narrativa Breve Repsol co que colabora a Xunta


― O secretario xeral de Política Lingüística participou esta mañá no acto para anunciar o gañador da XV edición deste premio impulsor da creación en galego

― O certame conta desde o seu nacemento no 2006 coa participación de máis de 450 obras orixinais en lingua galega, 36 na súa última edición

― O premio final, que se entregará noutro acto antes de que acabe o ano, ascende a 12.000 euros e inclúe a publicación da novela co selo da Editorial Galaxia

A obra Eternity, de Xosé Monteagudo, foi a elixida polo xurado como gañadora da XV edición do Premio Narrativa Breve Repsol. Así o anunciou esta mañá o portavoz do xurado, Xavier Senín, no acto que acolleu a sede da Real Academia Galega (RAG) e no que participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañado dos membros das restantes entidades impulsoras do premio: Natalia Barreiro, directora da Refinería de Repsol da Coruña; Víctor F. Freixanes, presidente da RAG; Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia, e Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
O representante da Xunta de Galicia indicou que premios literarios “coma este abren unha vía de colaboración da Xunta de Galicia coa empresa privada en materia de promoción e uso da lingua galega, tal e como establece o Plan de dinamización do galego no tecido económico que estamos reactivando ata o ano 2025”. O secretario xeral tamén quixo destacar que o Premio Repsol “chega nesta edición aos seus 15 anos de existencia e neste tempo foise consolidando como unha das citas literarias máis importantes da literatura na lingua propia de Galicia, tal e como demostra a cantidade e calidade de orixinais presentados”.
‘Eternity’, de Xosé Monteagudo
Na súa XV edición, o Premio Narrativa Breve Repsol recibiu 36 obras orixinais e inéditas en lingua galega. Despois dunha xornada de reflexión, o xurado, formado por cinco membros nomeados por cada unhas das entidades impulsoras, elixiu como gañadora a novela Eternity, de Xosé Monteagudo, quen se fai así cos 12.000 euros dos que está dotado o premio e coa publicación da súa novela por parte da Editorial Galaxia.

Segundo Xavier Senín, quen falou en nome do xurado, Eternity consegue artellar unha trama na que se funden a precariedade laboral, o mundo dixital e a construción da memoria. Sitúanos ante unha serie de desafíos que enfrontamos decote, en ocasións sen decatarnos: como están a mudar as nosas vidas, ata que punto as convertemos en ficción, como se constrúe a historia persoal, como enfrontamos a morte”.
No tocante ao autor, Xosé Monteagudo (Moraña, 1965) é licenciado en Dereito e colaborador da revista Grial, na que realiza críticas literarias. Comezou a súa traxectoria literaria cando obtivo o accésit no Premio Modesto R. Figueiredo no ano 2001 co relato O engado do triángulo. Só un ano despois, a súa primeira novela, As voces da noticia, foi gañadora do Premio Blanco Amor. Despois viñeron o Premio García Barros pola novela Un tipo listo, no 2009, e o Premio San Clemente Rosalía-Abanca, por Todo canto fomos, no 2017.
Premio Narrativa Breve Repsol
Este premio literario foi creado no 2006 de forma conxunta pola Refinería de Repsol da Coruña e a Xunta de Galicia co obxectivo de fomentar e reforzar a creación literaria en lingua galega. No 2010, a Fundación Repsol tomou o relevo no impulso deste certame que desde os seus comezos conta co apoio da RAG, da AELG e da Editorial Galaxia, editora das anteriores obras gañadoras.

Desde o seu nacemento, no certame participaron máis de 450 obras orixinais e inéditas en lingua galega.